Saturday 27 de April de 2024

O Concello organiza os talleres infantís ‘Chequechef’ con actividades de cociña nos barrios para promover o comercio coruñés


Os establecementos participantes entregarán por cada compra vales cambiables por entradas para asistir aos cursos, que se celebrarán nas zonas comerciais entre o 1 e o 21 de marzo

O Concello, a través da Concellaría de Comercio que dirixe Luisa Cid, organiza entre o 1 e o 21 de marzo a segunda edición do programa Chequechef, os talleres de cociña para nenos impulsados polo Concello para dinamizar o comercio coruñés, que colabora coa repartición de vales entre os seus clientes para participar nos talleres de forma gratuíta.
Os cursos celebraranse en 13 zonas comerciais da cidade, aproveitando o inicio das actividades do Fórum Cidade, e poderán asistir todos os menores de entre 6 e 14 anos que presenten vales -denominados chequechefs- obtidos ao realizar algunha compra no pequeno comercio.
Un xefe de cociña e dous monitores de cociña impartirán os talleres e ensinarán aos nenos elaborar dúas receitas. Para asistir só será necesario cambiar os chequechefs por unha praza en calquera dos cursos, independentemente da zona comercial onde se adquirisen.
Os talleres de cociña impartiranse venres, sábados e domingos en horario de mañá (11.00 a 14.00 horas) e tarde (17.00 a 20.00 horas) en rúas e prazas de zonas comerciais.
En caso de chuvia habilitaranse espazos alternativos en colexios, mercados municipais ou centros cívicos da zona.
O calendario é o seguinte:
– Domingo, 1 de marzo: Matogrande (mañá) e praza Elíptica Dos rosales (tarde).
– Sábado, 7 de marzo: praza do Mercado de Monte Alto (mañá) e rúa da Gaiteira (tarde).
– Domingo, 8 de marzo: praza de Azcárraga (mañá) e praza Das conchiñas (tarde).
– Sábado, 14 de marzo: praza de Pablo Iglesias (mañá) e rúa AnxoSenra (tarde).
– Domingo, 15 de marzo: praza Pérez Cepeda (mañá) e centro cívico Sagrada Familia (tarde).
– Venres, 20 de marzo: Obelisco (mañá) e praza de Vigo (tarde).
– Sábado, 21 de marzo: Elviña, na praza de María Casares (mañá).